O club de lectura de 1º ESO reuniuse este venres para falar da súa última lectura, Flanagan de luxe, unha novela de Andreu Martín e Jaume Ribera, autores que colaboraron na creación deste personaxe detectivesco cuxas aventuras deron lugar a unha serie.
No libro que nós lemos é importante o humor, aspecto que é característico de toda a serie. Aquí Flanagan vese involucrado nun novo caso que o leva a entrar en contacto con personaxes dun mundo social máis alto có seu. A medida que avanza o libro, descubrimos que o personaxe foi vítima dunha confabulación que el irá percibindo pouco a pouco e da que tomará nota para accións futuras.
O noso personaxe favorito foi Flanagan, do que criticamos quizais a falta de decisión no terreo amoroso. Pero tamén nos gustaron outros, como María Gual pola súa coraxe e Erreá pola súa falta de cariño paterno.
Debatemos sobre as bromas e a súa propiedade, as amizades, o amor, as drogas...
A nosa conclusión foi que todos temos cousas boas e malas, pero debemos ser capaces de aprender dos aspectos positivos que ten cada un sen deixarnos levar por ciumes e envidias, que sempre sacan o peor de nós mesmos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario