A praia dos afogados de Domingo Villar é o segundo libro que estamos a ler no club de lectura de Bacharelato. Trátase dunha obra de feitura totalmente distinta á primeira que lemos, posto que partimos dun relato de carácter policial cun narrador omnisciente.
En principio, entre os compoñentes do club chamou a atención a estructura, posto que cada capítulo aparece encabezado por unha palabra da que se nos dan varias das acepcións que podemos atopar no diccionario. Ademais, destacouse o feito de que tal palabra ten relación co capítulo en cuestión, xa que o autor buscou que figurasen nel un ou varios dos significados previamente mencionados, ben fose por medio da repetición da palabra ou a través do sentido do fragmento.
Por outra banda, un aspecto moi salientable foi o carácter do protagonista, con respecto ó cal se comentou que forma co seu axudante un tándem antagónico e, sen embargo, complementario que se corresponde co personaxe policial ó que estamos afeitos, sendo Estévez o que manifesta actuacións máis impulsivas fronte ó talante reflexivo de Caldas.
Estudamos o mar como auténtico protagonista ou tema da obra, posto que adquire moitos significados nela: medio de vida, causa de morte, tumba… E relacionámolo cos personaxes e coa viaxe, outra das protagonistas da novela, que se desenvolve a través do continuo desprazamento dos personaxes e que simboliza unha viaxe interior de Leo Caldas cara ó pasado, ós traumas da infancia e ós problemas de relacións persoais que o caracterizan.
Á parte do fío conductor da novela, centrámonos en desentrañar os subtemas que aparecen como telón de fondo e que afectan realmente hoxe en día á nosa comunidade: especulación inmobiliaria, desenvolvemento do turismo, segundas vivendas, roubos en casas deshabitadas, destrucción da costa/coidado do medioambiente, cambio climático, escaseza da pesca; afondamos noutras que nos poden identificar como pobo como a comida, o tempo, o carácter introvertido e as supersticións, que vinculamos con aspectos persoais e doutras comunidades.
Finalmente falamos do Libro dos idiotas que aparece na novela e comentamos a función que ten, así como a quen apuntaríamos nós e por que.
No hay comentarios:
Publicar un comentario